.
óllame
antes de que a dor floreza
mírame
antes de que o tempo cale
.
antes de que o mar rebente
espeta os teus ollos
na miña pel
e nos cantís do meu corpo
.
antes de que o sol se apague
e se pechen as curvas totalmente
óllame
.
.
óllame
antes de que a dor floreza
mírame
antes de que o tempo cale
.
antes de que o mar rebente
espeta os teus ollos
na miña pel
e nos cantís do meu corpo
.
antes de que o sol se apague
e se pechen as curvas totalmente
óllame
.
.
chove e escampa chove e escampa
chove e escampa
o sol brilla na erva mollada
coma un saxofón
fai escalas de luz
as nubes pulsan as chaves e dosifican
a cantidade xusta de sol
ceo gris follas verdes terra mollada
domingo
.
.
no cume non medra nada
non hai vexetación
.
nen os sentimentos
— que son as árbores da alma —
medran no cume
.
non hai no centro augas definitivas
todas fluen
corren cara a unha vertente
ou cara á outra
.
.
sae o sol
nos latexos da vida
érguense as pedras frías
e síntoas nos dedos
ferve o horizonte
hoxe onte
agora
xa
.
eu son
o meu corpo
eu son o meu sangue
eu son os meus ritmos
e os meus impulsos
sen medida
.
.
somos acaso
a agulla
do xiradiscos
.
imos lendo o sulco
no disco da vida
que xa está
escrito
?
.
.
a próxima vez
verémonos nun lugar neutral
comezarei a camiñar cara a ti
comezarás a camiñar cara a min
e onde nos atopemos
montaremos as nosas tendas
e fumaremos a pipa da paz
e tusiremos polo fume
pois a paz irrita os corazós dos guerreiros
coma ti e coma min
e ollaremos o campo ata que sexa
o meu campo e o teu campo
e sentiremos o ar
ata que sexa o meu ar e o teu ar
e escoitaremos o rio ata que sexa
o meu rio e o teu rio
baixo do teu ceo
baixo do meu ceo
.
.
hoxe preciso dos teus ollos
para vivirme neles
na sua luz
preciso da tua boca
que o teu riso me anegue
ollarte sen preguntarme nada
e respirar a nosa paz
.
.
non ti non es
a miña liberdade
ela non é tan fermosa
.
poderás selo un minuto
un dia un mes
un ano talvez
.
pero despois serás
o grillón que me prende
a unha cadea
.
ou viceversa
.
.
a soidade é
unha caixa de plástico
unha cervexa nun bar
a soidade é
un semáforo vermello
a soidade é
un menú do dia
unha planta chea de eirugas
a soidade é
a veciña fumando na sua xanela
a soidade é
un teléfono soando na casa contígua
un siléncio no ascensor
a soidade é
unhas palabras de ascensor
a soidade é
un iogur con mel
a soidade é
teclear un poema
.